Avaliación inicial

ORDE do 25 de xuño de 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 21º.-Avaliación inicial.

1. Cando o alumnado se incorpore ao segundo ciclo de educación infantil, as persoas titoras dos grupos realizarán unha avaliación inicial de cada un. Así mesmo, esta avaliación realizarase cando unha alumna ou un alumno se traslade dun centro a outro. A avaliación recollerá os datos máis destacados do seu proceso de desenvolvemento, terá en conta os datos relevantes achegados pola información das familias na entrevista inicial e, se é o caso, os informes médicos, psicolóxicos, pedagóxicos e sociais que revistan interese para a vida escolar. E, de ser o caso, os informes de escolarización anteriores.


2. A avaliación inicial completarase coa información obtida na observación directa por parte dos profesionais que atenden as nenas e nenos sobre o grao de desenvolvemento das capacidades básicas correspondentes á súa etapa evolutiva durante o período de adaptación ao centro escolar. 

3. O equipo educativo adoptará as decisións relativas ao tipo de información que se precisa neste momento inicial da avaliación, así como ás técnicas ou instrumentos que se van empregar para recoller e consignar a dita información. Estas decisións quedarán reflectidas no proxecto educativo.

Última modificación: miércoles, 4 de mayo de 2016, 14:37